VOCES
EMMA PEDREIRA
(A Coruña, 1978)
Filóloga, escritora e artista plástica. Como poeta, a súa obra atinxe máis de dez títulos entre os que atopar s/t, O libro das mentiras ou Antídoto. En 2017, un poema deste poemario foi considerado o Mellor Poema do Mundo e galardoado co Premio de Poesía Jovellanos. No ano 2018 gañou o Premio da Crítica Española no apartado de narrativa en galego por Bibliópatas e fobólogos (Galaxia), o Premio Xerais de novela por Besta do seu sangue e o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño por As voces ágrafas .
En 2019 gaña o Premio Jules Verne por Os corpos invisibles (Xerais), libro que no 2020 gaña o Premio da Gala do Libro Galego ao mellor texto xuvenil. En 2021 publica Os libros que hai en min (Cuarto de Inverno). Tamén é autora de Juana de Vega, a muller que desafiou o seu tempo (Galaxia), que escribiu a catro mans con Marilar Aleixandre. É ademais, autora dun álbum ilustrado para xente adulta, A parte dos anxos (Aira), xunto co ilustrador Carlos Lago. Na mesma editorial publica en 2024 A boca da sombra, novela poética, distópica e social de polémica acollida. Vén de publicar As horas mortas (Baía Edicións), un percorrido literario por cemiterios da xeografía galega.
Como artista plástica participa con collage nos poemarios O Elo, de Quico Valeiras (Urutau), e Círculo dentro do círculo, de Inma Doval (Urutau), e na publicación Xela Arias. Poeta nas marxes (O Arquivo das Trasnas), así como en portadas de libros, ou en revistas especializadas.
ANA VIGO
(Pontevedra, 1992)
Estudou Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela. Traballadora en medios en liña como xornalista cultural, sempre enfocada no eido literario e cinematográfico, en 2015 publicou o seu primeiro relato na revista Contos Estraños.
A súa primeira novela publicada foi La guerra Súcrea (Tierra Trivium, 2018), un space opera infantil. En 2022 vía a luz Erica (Editorial Galaxia), unha novela ambientada no mundo dos soños. En 2024 participou no proxecto de retelling Antoloxía dun soño profundo, cunha historia inspirada na Bela Dormente. En febreiro de 2025 publicou a súa novela infantil máis recente, O rescate do unicornio (Xerais).
Baltar Morgade Lores
(Pontevedra, 1997)
Desde neno, non deixou de debuxar. Licenciouse en Belas Artes na Universidade de Vigo e estudou na Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración “O Garaxe Hermético”, onde participou na colección Gaspariño XXI. Como naceu demasiado lonxe de Exipto e demasiado tarde para montar a súa propia sociedade esotérica, decidiu aproveitar os seus títulos para algo e creou este libro.